Club Deportivo Dez Portas Lugo
Teléfono: +34 626 343 360
E-mail: dezportas@hotmail.com
Lugo acolle a máis de 40 participantes no XIII Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental
Saúde Mental FEAFES Galicia e Alume celebran hoxe, venres 17 de marzo, o XIII Torneo de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma e que conta coa colaboración da asociación local Dez Portas.
Clic aquí para ver o cartel a tamaño completo
O campionato terá lugar no Pavillón Frigsa (Rúa Monte do Faro, 57) dende as 10:00 ata as 14:00 aproximadamente. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 45 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a sete asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental Ferrol (Narón), Saúde Mental FEAFES Galicia (Ligo, Vigo e Santiago).
O Torneo de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.
As actividades de ocio e deporte que organiza Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois as persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en arredor de 30 localidades.